sábado, 21 de marzo de 2020

FELIZ DÍA DE LA POESÍA

Desde o noso obrigado encerro, Rabi vos quere animar a todos neste día tan especial, o 21 de marzo  DÍA internacional da POESÍA. E aproveitamos a ocasión para facer unha recomendación lectora tan especial como esta:


A editorial Galaxia vén de publicar Porque te quero de Baldo Ramos, con ilustracións de Anxo Rodríguez Fariña. O poeta afirma que se inspirou nas ocorrencias e preguntas que lle facían os seus fillos a medida que ían descubrindo o mundo. Concíbeos como poemas reversibles que se len practicamente igual de esquerda a dereita que de dereita a esquerda, promovendo tamén a lectura como xogo.

Neste mes que celebramos o Día da poesía, temos que apostar pola lectura de poemas nas nosas bibliotecas, nas seleccións de lectura, nas mochilas viaxeiras, nos clubs de lectura... para facermos lectores e lectoras  porque as crianzas non teñen prexuízos e de seguro que quererán seguir lendo poesía.

Velaquí o poema final que nos convida a ler e escribir:

RECEITA PARA ESCRIBIR POEMAS IRRACIONAIS

Le este libro durante
6 días, 6 horas e 66 minutos

Escolle de cada poema unha palabra.

Reméxeas con maña e forza:
a poesía éche o que ten.
Méteas no peto
da túa chaqueta reversible
outros 6 días, 6 horas e 66 minutos.
Nese momento exacto
sentirás que se entenden.
Que teñen vida propia
e que saben convivir.
Entón é o momento
de sacar o poema a pacer.
Compartilo cos que te queren.
escribir é sempre un xeito
de agradecer que nos queiran.

Ningún comentario:

Publicar un comentario