domingo, 27 de outubro de 2019

HOXE VISÍTANOS... ANXO MOURE E A SÚA CINECLETA

Facía xa uns anos que non tiñamos o gusto de desfrutar coas contadas de ANXO MOURE e por fin... chegou o gran día. Co gallo de conmemorar o Día das Bibliotecas e, aproveitando o novo invento de Anxo, a CINECLETA, puidemos facer un repaso moi orixinal sobre a historia do CINE.

Ademais das fotos deste día, deixamos tamén uns enlaces por si queredes coñecer mais a fondo o proxecto de ANXO MOURE.

https://www.facebook.com/contosolidarios/
https://www.contosolidarios.org/

Contos Solidarios é un proxecto cultural, medioambiental e de solidariedade promovido polo contacontos galego Anxo Moure, que dende o ano 1989 percorre as terras de Galiza, Asturias, Portugal, O Bierzo..., contando historias solidarias coa terra e coas persoas que a habitan.

Contos Solidarios defende o conto como ferramenta educativa, de sensibilización e loita para construír un mundo en harmonía co ecosistema e garante da xustiza social.

Contos Solidarios leva xa máis de 6.600 sesións de contacontos en perto de 1.200 centros escolares, bibliotecas, e tamén en espazos abertos como bosques, parques, prazas, ríos... superando xa os 300.000 participantes, dende nenas e nenos de 0 a 3 anos ata nenos maiores de ata 100 anos.

Contos Solidarios transforma o conto en solidariedade coa entrega de bicicletas e material escolar en proxectos de cooperación en máis de 30 países de América Latina, Asia e África.

Contos Solidarios é unha proposta aberta a todas e todos os que queirades participar a través dun feixe de actividades diversas, dende achegarvos a escoitar un contiño enriba dunha árbore dentro dos Contos na Casa das Árbores, coñecer aos carballos que nacen dentro de botas vellas para transformarse en contos que lle dean vida ao bosque das historias do Carballo con Botas, ata convidar á Cliclobiblioteca á vosa escola, vila, pobo ou mesmo á vosa casa para que roden contos e cantos e se espallen en liberdade.


Convidámosvos pois a que entredes no mundo dos Contos Solidarios.


MOITAS GRAZAS ANXO, VOLVE PRONTO

Picade nas fotos para ver mais

ANXO CON INFANTIL

ANXO CON 1º, 2º e 3º

ANXO CON 4º,5º e 6º

Ningún comentario:

Publicar un comentario